19/02/2020
Antonio Seoane, o home que quería ler nas pedras.
Ana Mosquera
Hoxe a nosa Tribu, ven de perder a dos nosos inspiradores. Antonio, é o padriño de honra destas páxinas, do noso blog. É a persoa sin cuxa existencia seguramente nunca teriamos descuberto o Castelo das Chedas, sen a cal a nosa curiosidade e orgullo pola historia e polas xentes sería diferente.
Antonio foi fundador de Alianza Popular, era descendente dunha familia fidalga de San Pedro da Torre, e criouse en Quintela. Na súa vida sempre tivo claros dous amores, Rosa, a gran muller que nos coidaba a todos en Fondóns, e a terra. Era facil velo ir cara os montes. Nesas horas nos montes, non so via medrar as árbores, Antonio intentaba ler na paisaxe e nas pedras. Un día díxome: a historia da nosa terra está escrita nas pedras, o día que as poidamos ler podemos entendela.
Esa afición víñalle dos anos nos que acompañaba a Xaquín Lourenzo, Xocas. Antonio aprendeu a diferenciar as paisaxes naturais das moldedas polas mans humanas. Sabia que a Ponte dos Carros, na Calzada aos Mociños, se construíu ou reformou á vez que Santa María de Leirado porque tiña o mesmo tipo de morteiro entre as pedras, coñecia os xacementos arqueoloxicos da contorna. A súa grande pena era a destrución da Ponte de Quintela. Ponte que segundo el sí que debeu ser romana en orixe, e que o entón alcalde, Jaime non viu necesidade de conservar nos tempos da fame a hora de facer a estrada de Quintela aos Mociños.
Antonio donou ao Museo arqueolóxico de Ourense unha Ara Romana que atopou en Xacebáns e que baixou a Fondóns hai ben de anos, onde a tiña gardada, coa intención de protexela.
A visita dos arqueólogos do museo a Fondóns foi un momento moi especial para todos nós. Lástima que as eternas obras do museo impedisen que Antonio vise a peza exposta debidamente cunha placa de agradecemento como nos prometeron.
Esa ara atopada en Xacebáns cobra importancia agora que se fala de Campamentos romanos a altura da Mota Grande.
A historia, escrita nas pedras.
Hoxe temos unha perda, pero a vida de Antonio deixou pegada nesta terra. Deixounos un legado que non debemos dilapidar. Saber ver o valor das cousas que temos cerca, sentirnos orgullosos da nosa terra e da lingua.
Antonio Seoane, pasa a formar parte da terra a que tanto amou. E nos mentres esteamos aquí levaremos con orgullo o seu legado, deixando ben alto orgullo por estas terras ocupadas polos nosos ancestros desde hai miles de anos.